Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta promove o turismo de negocios no Workshop Confecred de Abu Dhabi


Entre os días 4 e 7 de febreiro, Turismo de Galicia manterá 20 citas cos operadores turísticos especializados en turismo de reunións máis importantes de Gran Bretaña

Turismo de Galicia iniciará o próximo día 4 de febreiro en Abu Dhabi o programa anual para a promoción da oferta de turismo de negocios da Comunidade galega ao longo do ano 2016 coa participación no workshop ConfecRed.

Deste xeito, durante catro días, representantes do departamento de promoción turística da Xunta de Galicia manterán 20 xuntanzas de traballo con outros tantos operadores turísticos especializados ao obxecto de difundir e apoiar a comercialización dos recursos galegos relacionados cos congresos, as convencións e as reunións de empresa.

O evento ConfecRed 2016 reunirá en Abu Dhabi aos principais axentes británicos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presentará as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.

Plan de promoción
No eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.

Así, ademais de ConfecRed, o día 8 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta, estará presente no workshop Meeting & Summit Incentive, destinado á comercialización do turismo de negocios entre os operadores internacionais.

En marzo, entre os días 22 e 23, Turismo de Galicia particpará no Salon Réunir de París, co fin de promover a organización de congresos na Comunidade galega entre os operadores turísticos franceses.

Ademais, a Xunta de Galicia participará na feira IMEX, de Fráncfort entre os días 19 e 21 de abril, e difundirá entre os operadores turísticos europeos os valores do turismo de negocios galego no workshop ConfecBlue que terá lugar en Portugal entre os días 2 e 5 de xuño.

Por outra parte, asistirase en Madrid ao certame M&I Forum Europa, que se celebrará en Madrid do 28 de xuño ao 2 de xullo, así como á feira The Meeting Space Autum, en Grecia, entre os días 29 de setembro e 10 de outubro.
Turismo de Galicia acudirá un ano máis ao evento TTG Incontri, que terá lugar en Rímini (Italia) ao longo dos días 13 e 15 de outubro para promover o turismo de negocios galego no mercado italiano, e participará na feira IBTM World de Barcelona, entre os días 29 de novembro e 1 de decembro.

Por último, neste ano 2016, o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia estará presente no Salon ILTM de Cannes (Francia) que se celebrará no mes de decembro.